Vistas de página en total

martes, 30 de octubre de 2012

Os nomes con pinturas decor-materials

Este alfabeto para formar os nomes das nenas soluciónanos moitísimo.
Conforme teñamos máis pedras, aumentaremos letras
Os nenos e nenas teñen teima ata certa idade por arrepañar cousas pola rúa: follas, flores, pedras, pólas... (tamén moita trapallada que hai que ir corrixindo aos poucos), así que se xunta moita cousa.
O outro día atopamos uns rotuladores espectaculares que se chaman decor-materials e que pintan sobre calquera superficie. Descubrimento!!!!
Coas pedras e cos rotuladores fixemos os nomes das nenas (que ata agora tiñamos en tapóns de botellas de leite e etiquetas de pegar, utilísimo e que dá para iniciar os rapaces e as rapazas en centos de actividades: series, letras, números, series, psicomotricidade fina con gomets...). Hai moitos blogs de onde se poden tirar ideas, sobre todo nos dos coles.
Agora temos pedras-letras-debuxos, un tres en un sen parangón!!
Va que nos están quedando chulas? Iso que eu debuxo máis ou menos coma un neno de primaria pouco dotado!
Aquí están as fotos das últimas incorporacións. Comezoume un colaborador que pinta mellor ca min, así que xa temos letras tuneadas para os nomes e algo máis.
Por unha cara letras

Por outra cara debuxiños

sábado, 27 de octubre de 2012

As cabazas do Samaín rematadas

Meeeedo!!
A que nos quedaron chulas? Pintadas con tinta chinesa, que era o que había pola casa, non nos quedaba permanente de cor negra, que sería moito máis fácil para pintar.
A quen non se lle dean ben os debuxos (coma a min) pode descargar modelos de centos de páxinas que hai pola rede.

miércoles, 24 de octubre de 2012

Nova camiseta: nenas con globos simétricas

A verdade é que co entusiasmo na casa hai varias camisetas do mesmo talle que ou se usan xa ou quedarán cativas e xa non vai poder ser. Así que estamos nun proceso de produción intenso.
Como tampouco temos demasiadas teas para combinar pensamos en facer dúas meniñas case iguais simétricas cuns globos e dunha soa tea (aproveitada duns vestidos do verán).
Recórdovos os pasos:
1. Pasar o debuxo á cara lisa da fiselina.
2. Pegar a fiselina á tea co ferro de pasar quente pero non vapor.
3. Recortar as pezas.
4. Pegalas á camiseta de novo co ferro de pasar.
5. Pespuntear.
Aquí van as fotos do estado da cuestión.
Calcando na fiselina

Recortando as pezas

Pegadas nas camisetas

O Samaín

As cabazas secando
Este ano imos festexar o Samaín a golpe de cabazas. Por agora están a secar tal que así. Facer isto é moi fácil, só uns consellos para os que nunca se atrevesen con unha:
1. Se recortas a parte de arriba no canto de facelo por abaixo (para abrila e baleirala) non vas poder decorala sen ter en conta esa gran marca. Ademais, resultará máis complicado poñer unha candea baixiña e probablemente se moverá, a non ser que sexas un ou unha sofisticado cunha morea de aparellos para poder trazar unha solución. Aquí recortámolas por abaixo, poñendo unha pestana para saber por onde hai que encaixala despois, porque van ser para adornar, e non para moverse.
Candea espetada ao cu da cabaza
2. Podes debuxar antes de poñerte a furar nada cun rotulador permanente, así asegúraste que non vaia todo retorto. Para eliminar despois as liñas e os restos de rotulador emprega alcohol cun papeliño ou algodón. Sae sen problema.
3. Cómpre que seque un pouco (mellor se é moito) antes de utilizala, así durará máis e estragarase con menos facilidade. Aquí están secando co deshumidificador a canda a roupa mollada, porque vai un tempo moi húmido coma para poñelas a secar na terraza ou no patio de luces.
4. Para que a candea non se mova grampamos (coa man, non co aparello) o recipiente metálico ao cu da cabaza. Se tendes chinchetas tamén serven. Así non hai perigo de que se mova.
Agora só nos falta que sequen un pouco e decoralas, unha vai levar arañas e teas de araña e a outra morcegos ou corvos, aínda non está decidido, a ver o que sae da asemblea.
A verdade é que dúas cabaciñas alegran o outono!

lunes, 22 de octubre de 2012

A cosme-camiseta

Un bichiño de cadros para o meu sobriño.
Esta camiseta é máis simple e rápida porque o debuxo vai todo sobre a mesma tea e nunha peza. O pespunteado é máis grande, aínda que isto é peor porque se pode ir esfiañando ou desfacendo con máis facilidade. O bo é que como os nenos medran enseguida, pouco tempo lle vai valer e non a vai dar gastado.
A que campa? O debuxo é de Chasco. Aquí aínda falta acabar un dos brazos, pero a costureira ten dor de dedos, mañá remátoo.

A outra camiseta!!

A outra camiseta rematada, ao final púxoselle laciños nos dous lados.
Como campaban con elas postas!

viernes, 19 de octubre de 2012

Camiseta rematada!!!!!!

Ola, unha das camisetas está rematada, e a outra vai polo camiño.
Ao final os botóns eran un pouco grandes, así que só lle cosemos dúas fileiras.
Os ollos e a boca bordounos Inma, un punto chamado "cordoncillo", hai titoriais por aí adiante para aprender a facelo, aínda que o mellor é que alguén cho mostre, coma sempre.
O próximo reto, unha camiseta para o meu sobriño Cosmete, xa está o debuxo en proceso!
Va que quedou chula a camisetiña? En canto teña a outra póñoa tamén. Se alguén ten interese ou dúbidas nalgunha parte que me contacte e eu explico ata onde saiba...

miércoles, 17 de octubre de 2012

Tres diademas por tres euros

Os tres diademas
Moitas veces atopamos por aí complementos chulos pero que se saen de presuposto moito para a función que van ter (quizais só dun día). Tamén é difícil combinar exactamente a cor ou o estilo, sobre todo cando sabes que se apenas se van usar.
Facer diademas é relativamente fácil, queda ben e sae moi barato.
Só precisamos: o diadema (véndese nas mercerías e custa 50 céntimos), o forro do diadema (hai centos onde elixir, xa vén cosido e para cada unha delas sae a uns 20 céntimos), o anaco de tea que queiramos combinar para facer a flor ou o adorno que queiramos, un botón para coselo todo e listo!
Neste caso combinamos un anaco de tea igual ao vestido, un anaco de puntilla semellante ao vestido (tamén mercada na mercería por 1 euro todo o anaco), lazo de raso que tiñamos pola casa e botóns marróns aproveitados dos que había pola casa.
Como campa, non é?
O resultado foron 3 diademas a xogo cos vestidos por 3 euros. Iso si, para que quedasen ben traballamos varias mans, tanto no deseño coma na execución (sobre todo no cosido, que había que amarrar ben para que non se desfixese nas mans de pequenas).
Para facer diademas con flores ou outros motivos atopamos pola rede mil xeitos de realizalas e de coselas.

Camiseta con aplicacións (parte 2)

Esta é o debuxo pegado, tamén levará
uns botóns no abriguiño.
Esta é a camiseta unha vez que se lle pasou o ferro por riba a todas as peciñas colocadas no seu lugar. Agora, como dixen, hai que ila pespunteando toda (comezando por arriba) con punto de festón. É importante elixir os fíos que combinen ben coas teas. Creo que na fotografía non se aprecia moi ben, pero o lado esquerdo do abrigo xa comezamos a pespuntealo.
A outra boneca quedou nas mans da profe, que é a que mellor xeito ten, despois poñerei fotos de como van quedando as dúas.
Lembrade, necesitades: debuxo, fiselina, retallos de teas, ferro de pasar, tesoira, fíos de bordar, agullas e camiseta (que pode ser unha usada que haxa pola casa).

Camiseta con aplicacións: como se fai (parte 1)

Facer camisetas con aplicacións require seleccionar ben o deseño, as teas (é o máis importante se queres que quede bonito) e saber como se fai paso a paso.
Antes de nada temos que ter claro o deseño que imos facer. Neste caso temos dúas preciosas nenas proporcionadas por Laura (www.bragafaja.com).

Debuxos de BragaFaja

 Unha vez feitas hai que despezala pouco a pouco calcándoa sobre fiselina (unha especie de entretea que pega polas dúas partes). A fiselina ten unha parte rugosa e outra lisa, hai que calcar pola lisa.
Trátase de facer algo así coma as bonecas de papel que usabamos para cambiarlle vestidiños. O mesmo, hai que ir facendo as peciñas e deixando solapiñas cando teña que ir por debaixo.
O ideal é ir movendo o debuxo para aproveitar ao máximo a fiselina, porque é algo cara, o resto é aproveitar retallos que haxa e fío de bordar.
Unha vez debuxado, pegamos co ferro de pasar (que ten que estar quente pero sen vapor) a tea á fiselina que ten o debuxo e recortamos.
É mellor pegar á tea antes de recortar porque así desfaise menos.

Despois, recortamos todas as peciñas e montamos a boneca, tendo en conta que é o que vai por baixo e que é o que vai por riba.

Montando as peciñas

Unha vez montada, vólvese darlle co ferro de pasar, esta vez sobre a camiseta, para que quede ben pegadiño.
E unha vez pegado só hai que pespuntealo todo, o que é o máis traballoso do labor e que require moita paciencia.
O punto que se usa é o festón, que vai de abaixo a arriba (hai titoriais para aprender en centos de sitios).

Seguindo o debuxo
Seguindo o debuxo














Aquí queda máis ou menos o resultado antes de lle pasar o ferro e montalo ben (hai que ir con paciencia, simplemente). Como algunhas peciñas son pequenas, podes irte axudando dunha pinciña para ilas poñendo.


Boneca montándose

Agora xa están en fase de costura, grazas a Inma (mimablanco.blogspot.com), que é a miña profe e mais a de Rita, que aínda está na fase de pensar o que vai facer (probablemente un monstriño ou un tractor).
En canto vaia avanzando a costura, irei colgando as fotiños.
Confío en que vos animedes a empezar, queda pouco para o Nadal e é o agasallo perfecto!!!!!!
Coa carapucha posta

martes, 16 de octubre de 2012

Traballiños con feltro

Estas dúas camisetiñas foron un agasallo de cumpreanos para dúas pequechas.
Os autores, Cris e Fidel, deseñáronas, recortáronas e coséronas sobre unha camiseta de algodón.
O feltro é máis ou menos fácil de manipular porque é teso, déixase recortar bastante ben e pódese coser con calquera punto que un coñeza.
O pingüín recoñecino, o gatiño tiveron que explicarmo...

O máis complicado é a idea, encaixar as pezas ben e coselo con graza.
Para que non se mova podes pegalo antes de coselo, coma as camisetas con aplicacións patchwork, con fiselina de dobre cara ou con entretea de dobre cara. Pero realmente o feltro permíteche non ter que botar man destoutras axudas.
Imaxinación, cariño e habilidade. O resto xa fala por si só, preciosas, non é?
Mil grazas rapaces!!!!!!!!!!!!

domingo, 14 de octubre de 2012

Un pixama que queda pequeno... convertido en mandilón para traballar

Cando os pixamas enteiros quedan cativos e están tan gastados que xa non podemos emprestalos para que os aproveite ninguén, sempre podemos reutilizalos converténdoos en mandilóns. Farán falla para eses pequenos seres autónomos que queren comer sós, beber sós, pintar sós...
O pixama vello

O primeiro que temos que facer é recortar as mangas, polo bordo para aproveitar as costuras e as perneiras a rentes do último corchete.
Pixama despezado
Unha vez que o temos despezado, hai que pasarlle unha costura pola parte de abaixo, para que non esfiañe. Un punto similar ao festón, que é faciliño, ou un pespunte básico para que non se desfaga serve. O ideal é pasalo cun fío gordo e de cores e facelo tamén nas mangas, que se poden abrir un pouco máis.
Tras isto, podemos aproveitar as mangas para facer uns petos, que coseremos tamén pola parte de adiante. Facer unhas bolsiñas coas mangas é realmente rápido.
Mandilón rematado!!!
O galón está feito cun botón, un anaco de tea e un lazo, algo rapidiño para darlle unha graza.
O tempo dedicado a converter un pixama vello nun mandilón novo non chegou a un par de horas. Non hai escusa!!!!

Botóns

Con botóns pódense facer tantas cousas, á parte de usalos para a función para a que naceron...
Eu veño de descubrir que con botóns podes facer árbores pintadas, lámpadas, pulseiras, aneis, adornos nas camisetas...
Hoxe erguinme pensando en botóns e dando un paseo pola mañá atopei unha mercería que pechaba e liquidaba unha morea de botóns. Para perderse!!!!!!!!
A caixiña dos tesouros
Para non incorrer en toleóns merquei só aqueles que pensei en destinar a uns fermosos diademas, pinzas do pelo e outras cousiñas que teño pensado facer algún día (o antes que poida).
A miña caixa dos tesouros comezou a medrar con esta humilde achega... fermosos!!!

Bonituras para un mundo máis bonito

Un blog para compartir pequeniñas ideas que se poden facer na casa. O mundo está trazado para consumir e tirar, consumir e lixar, consumir e menoscabar os recursos, contaminar, gastar...
Pequenas ideas para reciclar materiais, obxectos, empregar a imaxinación para xogar, para compartir, para aprender a gozar do tempo libre.
Con cousiñas vellas ou novas, feas ou bonitas, obsoletas ou de moda, usadas ou desgastadas, un pouco de esforzo e grandísimas doses de imaxinación.
Bota a andar, moi amodiño, as cousas feitiñas a man!!!