Vistas de página en total

viernes, 30 de noviembre de 2012

A camiseta dos lapis de cores

Xa teño pegados os lapis de cores e o nome. A pouco máis teño que tirar coa camiseta, porque lle dei demasiada calor e medio derretín a fiselina, así que fun coas pinciñas recolocando todo de novo... Non sei se ao cosela me dará problemas, probablemente si, así que a ver en que queda esta camiseta. Polo de pronto paréceme chulísima.

Mafalda en transfer

Merquei un par de camisetas para facerlles algo co transfer a miñas irmás. Unha quedou chula e a outra unha parrallada, porque o papel transfer requeceu na impresora, ou teño un rodillo enzoufado ou non sei ben, pero vai ser que non. Así que pensei que a outra igual merco as teas e póñome a cosela, iso si, de aquí ao verán, porque unha mafalda grande pódeme levar pespunteala a eternidade. Aquí vai a outra, que me encanta, e que non quedo con ela porque basicamente parezo chicholina intentando asfixiar a mafaldiña.

miércoles, 28 de noviembre de 2012

Novo proxecto

esta é a idea...
Por aí por unha páxina americana vin unhas camisetas moi chulas con lapis de cores en grande, ben arriba, ben no medio, cosidos, debuxados...
O caso é que me gustaron moitísimo e deixeino aí como tema pendente.
Agora xa teño novas teas (chegoume hoxe un paquetiño con elas) e aínda que a maioría son moi lolainiñas e horteras, algunhas han poder valer para este proxectiño.
Unha camiseta para un pequecho de 4 anos, a ver se lle gusta...

lunes, 26 de noviembre de 2012

O porco

Todos queren o porquiño, porque o porco é o protagonista dos contos, así que hai que coser pronto outro porco...

Teño o pelo longo e o fociño moi grandón,
caídas as orellas, un porco feliz eu son.

A verdade é que o porco con camisa hawaiana é gracioso abondo!!

O hipopótamo

Os olliños de botón quedáronlle moi ben. Agora só me falta bordarlle un rabecho.



Aplique co mono rematado

A que quedou graciosa a camiseta? O que máis mola é o rabo que sobe polo ombreiro e que chega a verse por detrás. Creo que esta é unha das miñas favoritas.

Desexando estreala!
Moniño riquiño

jueves, 22 de noviembre de 2012

A mona!

Que mono é o moniño!
Os monos e as monas rodéannos. Temos o mono Botas, grande amigo de Dora, que nos rechifla porque está coma unha corneta vella e temos a mona Ramona, o chiringo que temos debaixo da casa para írmonos divertir cando chove, chove, chove e non deixa de chover. Así que velaquí un mono ou mona (aínda non sei se tunealo con algo, a ver como queda. Va que é chulisísisisismo???? Encántame, hoxe empezo a pespuntealo! O hipopótamo e o porquiño vainos rematar santa Inma, que eu non sei fiar tan fino coma ela.

miércoles, 21 de noviembre de 2012

A tartaruga!

Que chusquiña é a tartaruguiña!
Xa está lista a tartaruga. O máis difícil para min foron as poutiñas, que me custaba mil facer o punto pequeno para que fixese a forma e bordar os ollos e o nariz. Ao final en vez dun bordado vai un sobe e baixa de fío por un punto, pero, aínda que de preto se ve a chafallada, de lonxe pasa por bo.
O peor do tema, é que xa andaron por toda a casa, tartaruga, porco e hipopótamo, así que podo irme esquecendo de metelo en paquetes para os Reis. Ou matar a ilusión xa desde cedo e pasalas ao meu republicanismo, ou facer outras coma os axudantes do zapateiro, cosendo de noite e deixando a vista no asunto.
Se alguén quere o debuxo e o patrón para a tartaruga, o porco ou o hipopótamo que deixe recado e eu fágollo chegar escaneado. Pas de problème!

lunes, 19 de noviembre de 2012

A tartaruga, o porco e o hipopótamo (parte 3)

A tartaruga e o porco xa están pespunteados.
Como vedes mellórase o debuxo liso, non?
 A tartaruga quedou bastante vistosa pero co porco houbo un problema, é que merquei unhas agullas do 8 (no canto do 10, que son as ideais) e non houbo maneira posible de enfiar dúas febras de fío ao tempo, así que vai só cunha febra. O resultado é que o fío non destaca ao coser, e menos porque para a camiseta elixín un lila coma as flores que non se diferencia apenas do rosa do porquiño.
En fin. Agora faltan os detalles, como poderedes apreciar, xa están debuxados.
Importante, se os marcamos cun lapis hai que asegurarse de lavar a camiseta antes de usala para non esborranchar. Se usades un boli pódese ver por debaixo ou destintarse (isto estiven a piques de facelo eu de tatoia). Hai un boli semellante a un pilot, que se vende nas papelarías, librarías, etc. que pon pola beira: remove by friction. O importante é que ao pasarlle o ferro quente bórrase, e non esborrancha nada. Así que esta entrada vai só para iso, que os detalles que lle vaiades bordar e que debuxedes con anterioridade, facédeo con este boli.
Encántanme estes dous bechos!!!!

Co hipopótamo vou máis lenta porque a tea é moito máis grosa e custa moito máis avanzar con puntadas pequenas...
O caso é que axiña acabei o labor e para o Nadal si que teño unhas ideas bárbaras. Teño o debuxante xa a medio convencer para que se me poña ao choio e teño que abrir o peto dos aforros para facerme con algunhas teas.
Ale, agardo que alguén estea probando por si mesmo e que isto lle valla de axuda. Só por iso paga a pena comentalo coma se fose o traballo máis importante do mundo :D

jueves, 15 de noviembre de 2012

A tartaruga, o porco e o hipopótamo (parte 2)

O seguinte máis difícil é o tema das teas. É obvio que na casa non hai teas coma macarróns, así que hai que ir facendo acopio como se poida. Neste caso case todas as teas son de Inma, mimablanco@blogspot.com, que é a que me aprende, me guía e me fornece de sabedoría, teas e fíos. Unha santa con vocación, vaia.
O seguinte que hai que facer é recortar as pezas, non hai que facelo a rentes do debuxo porque é mellor que sobre un pouco e cortalo todo coa tea despois (así esfiáñase menos a tea).
Unha vez recortado, pégase á tea (co ferro de pasar) e aí é cando se recorta todo xunto.
Logo de recortado, hai que ir armando o quebracabezas, seguindo o debuxo.
Se sodes tatoias coma min probablemente o debuxo vos quedará virado (en espello) porque non se me ocorreu calcalo do revés. Entón hai que darlle a volta ao debuxo despois á hora de fixarse onde vai cada cousa (sobre todo o que é pequecho).
Ben, inclúo fotos que espero que vos poidan axudar a comezar os vosos proxectos.
Montando o porco xa recortado sobre o debuxo para velo

Hipopótamo sobre o papel

Porc@ sobre o papel

Probando sobre a camiseta

Xa a piques de montalo sobre a camiseta

Agardando caloriña para pegarse

As tres listas para comezar a coser
Agora falta o que require máis paciencia de todos os pasos. Os fíos xa foron elixidos para que combinen coas teas e agardan polas horas de pespunteado desta menda. Só confío telos listos para o Nadal.

A tartaruga, o porco e o hipopótamo (paso 1)

Como hai moita xente interesada en aprender, tratarei de ir poñendo isto paso a paso, para que sexa máis ou menos fácil seguilo.
Primeiro hai que ter debuxo e camiseta (obvio), lembrade que cantos máis detalles, máis complicado.
Despois hai que ir despezando o debuxo e copiando as partes na fiselina (que é entretea que pega polas dúas partes). Aquí hai que ter en conta que é o que vai por riba e que é o que vai por baixo, xa que hai que facerlle pestaniñas ao que vai por baixo, se non, á hora de coser pode abrir e quedar unha chafallada.
Parece complicado pero é todo botarlle paciencia e ver o debuxo na cabeza. Se vos fixades ben, xa vou poñer as fotos en grande, vese como despecei e fun deixando pestaniñas nos brazos, na camiseta, etc.
A tartaruga despezada

O hipopótamo despezado

O porco despezado
Neste caso os debuxos son obra de Chasco, que o teño frito coas miñas chorradas, pero a min non me dá para debuxar nada ao xeito, de feito, ailalelo vai quedar en aiquecarallo, porque non me sae un deseño con graza nin soñando.

martes, 13 de noviembre de 2012

MORRIÑAAAA!!!

Quen non tiña unha caixa de galletas chea de bonecas de papel e vestidiños?
Só podo dicir que vou mercar unha camiseta XXXL para facerme unha para min tamén!!!!!!

I love it! So, so, so cute!!!

Pero que chulo!!!!!

E o transfer chegou á miña vida...

...penso que para quedar, a pesar de que o meu ferro para alisar a roupa estea un pouco cheo de que o use só para as miñas trapalladas de traballos manuais.
Ten os días contados, tanta tintura, tanta tea, tanto pegamento... creo que axiña dirá ata aquí chegamos. É o malo que ten.
O outro día nunha feira había restos dunha libraría e entre eses restos unhas caixiñas de papel transfer para pegar en camisetas brancas.
Andando pola rede pensei eu, que mágoa o das bonecas de papel estas coas que xogabamos, se eu soubese debuxar mellor facía unhas... Peeeeero, acudín ao google-imaxes e a miña frustración converteuse nun grandísimo OLEEEEEE!!!!!, aí estaban, todas e máis.
Recortando o xa impreso
Unhas xa recortadas
Pegando na camiseta

Camiseta arrefriando
 Así que tirei de impresora, recortar, adquirín por 8 euros un par de camisetas brancas e puxémonos ao choio (sempre acabo contando cun pinche que me asesora e me colabora a tope).
Aquí poño fotiños, que estou agardando a que seque e xa poño o resultado final.

viernes, 9 de noviembre de 2012

Por fin as camisetas dos globos cosidas!

Desafiando as leis da física... non?
E hoxe xa as estrearon, máis contentas ca cucos!
Non quedaron moito ao xeito, porque as cosín a anacos, ás veces rápido e basto, ás veces amodo e raro... vaia, que foi un facer por non deixalas quedar. En realidade haille que poñer entusiasmo ás cousas ou non acaban de saír ben.
As próximas serán máis a conciencia!

jueves, 8 de noviembre de 2012

Próximo proxecto: ailalelo!!!

As nenas están tolísimas coas camisetas feitas para elas e pensando nelas. Téñenas repartidas e pelexan bastante polas mañás para adxudicalas, así que hai que poñerse a producir camisetas por duplicado e non radicalmente distintas, que é como me gusta a min, para evitarmos conflitos.
Hoxe debuxei unha bonequiña cun pseudotraxe-tradicional. Non é por desculparme, pero é que os meus anos de Plástica e Pretecnoloxía foron impartidos polo profe de sociais, de matemáticas, de inglés... e todo se baseaba nun libro que había que ir cubrindo, así que nacer sen habelencia e non intentar traballala despois é o que ten, que dá nisto.
De calquera xeito, aínda cos peores dotes artísticos, se as teas e a costura despois o mellora pode quedar algo chulo. Non credes? Aí queda o deseño inicial, se algunha alma caritativa quere mellorarme o tema que contacte comigo :D, será benvid@. Non creo que as comece ata a próxima semana.
A idea é esta :D

Xogos

Para estas tardes de inverno hai moitos xogos que se poden facer cos pequenos, que lles encantan e que os estimulan.
Unha delas é o xogo de recoñecer iguais. A partir de certa idade pasan o tempo buscando iguais: cores iguais, formas iguais, pezas de roupa iguais...
Un paso máis en dificultade é recoñecer sombras, ao comezo poden ser simples, como figuras xeométricas e as súas sombras e despois ilas complicando. Como, por exemplo, poñer animais que sexan similares (mosca, abella, abellón, saltón, grilo, bolboretas) en canto a que teñan patas, antenas e puntos de similitude moi evidentes e outras diferenzas coma os tamaños, o aguillón... etc.
Tamén se pode facer con tamaños distintos.
As tarxetas plastificadas
Eu estas collinas da rede, da páxina http://www.busylittlebugs.com.au/, que ofrece ás veces materiais imprimibles de balde, pero pódese facer a partir de fotografías e despois manipulalas á hora da impresión (imprimir só en negro unha delas).
Para que non se estragasen axiña, plastificámolas con forro de pegar.
Identificando a araña

O caracol
Gustoulles moitísimo e repetimos o xogo moitas veces e con varias modalidades: sombra-animal, animal-sombra, ordenalas, xuntalas, agrupar sombras e agrupar animais, atopalos a fío, buscalos entre unha morea...

sábado, 3 de noviembre de 2012

Máis de letras

Que chulo e que útil!!!
Hoxe atopamos unhas letras preciosas para incorporar á colección de abecedarios caseiros.
As tapas xa as viñamos usando pero con letras que fixera eu sobre papel de etiquetas. Algo que por agora non queda moi vistoso, debida á miña habelencia como pintora roñosa.
Pero estas cádrannos nin máis nin menos. Agora temos que xuntar para o principal: os nomes das nenas, o papá, a mamá, o avó, a avoa, Ana, Antón, Teruca, Matías, Cosme... O bo deste abecedario é que trae 4 de cada, así que dá para traballar os nomes de toda a familia!
Va que son chulísimas?????