Vistas de página en total

jueves, 22 de agosto de 2013

Cousiñas para a escola

Teño o labor abandonadísimo... seino e disgústame, porque comezaba a atoparlle o gusto a facer cousiñas chulas bymyself.
Agora ando a ver se lles coso algo chulo aos mandilóns para o cole das nenas. Teño a idea, a ver se lles gusta a elas, porque ultimamente teñen algo de carraxe co tema dos lobos, que nos contos sempre lles cadra o peor papel.
A miña idea era facer unha carapuchiña xeitosiña e moderna nun dos petos e o lobo con cariña de bo e carrexando o cestiño no outro.
O debuxo desta vez vouno facer eu, guiándome por outros, loxicamente, pero en fin... que a miña cutre habelencia debuxando é coñecida, pero é que se non me poño, non lle dou para diante ao tema nunca.
En canto vaia poñendo mans na obra deixo fotiños... espero non deixar os mandilóns como para que haxa que mercar outros de urxencia.

Deixo as fotiños de como van quedando. Carmela aceptou a Carapuchiña e ao lobo, pero Icía só quería bicherío: ovellas, coellos, cans, gatos... esta nena necesita unha boa dose de rural. Velaí quedan, aínda sen rematar, pero xa con boa forma.


Detalle do lobo e da Carapuchiña

miércoles, 12 de junio de 2013

GALLETASSS!!!

Sei que dixen que nunca poría aquí nin receitas nin trucos de limpeza, pero mira, como mando eu, desdígome e punto.
É que ultimamente facemos na casa unhas galletas que son para morrer. Descubrinas grazas ás irmás Vilasó, e aínda que a miña receita vai ao pé da letra e está moi lonxe das súas exquisiteces (ben presentadas, inda por riba), recomendo encarecidamente que vos animedes a facela.
Non dan moito traballo, o resultado é excepcional e riquísimo e afórrase comer tanto conservante como levan as industriais.
Poño as ligazóns das receitas e un par de fotiños das miñas. Pero mellor fiádevos das fotiños das verdadeiras autoras, que son máis fieis á realidade.
Aquí unhas de chocolate
http://cachiodoce.blogspot.com.es/2012/10/galletas-branco-e-negro.html
Aquí unhas de noz
http://www.biscayenne.com/2012/12/galletas-de-nuez-el-summum.html
Aquí unhas cookies (estas fíxenas con chocolate branco e están para lamber os dedos):
http://www.unodedos.com/recetario-de-cocina/receta-de-cookies-americanas-como-hacer-galletas-con-chips-de-chocolate-sorteo/

Infinitísimas grazas ás autoras dos blogs por compartiren co resto dos mortais a súa sabedoría.


Nunha caixiña xa listas

Acabadiñas de saír do forno

sábado, 18 de mayo de 2013

Dúas bonecas máis

Estas dúas bonecas levan dous vestidos iguais ca uns que teñen en realidade as miñas fillas. A tea viviu un periplo longo, veu como regalo da avoa, mercada nunha feira en Portugal. Despois fixéronse os dous vestidos para o verán e sobrou un anaco enorme de tea de cada cor.
Así que decidín vestir as bonecas con esa tea e a verdade é que lles fixo bastante graza o tema. A idea era adornarlle as coletas ás bonecas, pero ao final deixeinas quedar así, porque lávanse tanto que enseguida se estragan. Velaí as bonecas.
As dúas preparadas sen coser nin bordar aínda

A boneca do vestido vermello lista

As dúas rematadas!!!!!

Dúas Hello Kitty

A min persoalmente as Hello Kitty arrepíanme bastante. Todo ese merchandaising que lles venden por todos os cornechos aos pequenos non me gusta nada. Os valores que levan canda si son bastante ridículos, sexistas e un longo etcétera. Á parte do fomento do consumismo exacerbado e do carísimo que é inda que non se corresponda coa calidade.
Pois ben, cunha camiseta de euro e medio e outra de dous euros, saquei de por aí unha ilustración das Kittys en traxe de baño, que polo menos é graciosa e cosinas o mellor que puiden.
Nunha falta un lado dos bigotes, esta tarde agardo rematala. Cosinlle un laciño que lle dá unha graza ao asunto, ou iso creo... Poño algunhas fotiños para que se vexa o antes e o despois.
A medio coser

A medio coser

Unha rematada

Unha case rematada, faltan os bigotes

As dúas Kittys de falsete, por 3,5 euros máis horas de traballo :D

miércoles, 24 de abril de 2013

Unhas bonequiñas en traxe de baño

Xa chega o bo tempo, e teño pendentes unhas Kitty en traxe de baño e unhas raparigas cuns vestidiños dunha tea igual ca uns vestidiños reais das nenas...
Pero a min o que me gusta son estas bonecas en traxe de baño, cunhas camisetas do Primark de 2 euros e unhas teas chulas cedidas por Imma velaí as raparigas.
Nos chichos púxenlles uns lazos con botón que aquí non se aprecian. Colgarei unhas fotiños para que se vexan con máis detalle.
Aquí está o howwasmade ou como se diga!!!
 
Sen pespuntes

Sen pespuntes

O traballo a medio facer
O traxe de baño de puntos

O traxe de baño de flores
As dúas bonecas

E hoxe xa nos entrou ganiña de verán, así que pantalóns curtos e camisetas chuli-chulis!!!!

Doraemon

Teño unha morea de labores comezados e non dou rematado ningún. Este Doraemon cosino para o meu afillado para regalarllo na Pascua.
Fíxeno aproveitando as teas dunha camiseta vella e dun bodi de bebé, para que toda quedase de algodón, pero foime bastante difícil de coser, algodón sobre algodón e a agulla non corre ben.
Ademais, ten un pequeno fallo na disposición, e Doraemon en vez de barriga parece que leva chuvasqueiro :D.
Púxenlle un axóuxere de verdade colgando, así parece máis gato cósmico.
 
Dous gatos cósmicos preparados

Doraemon en riscas

Doraemon sentadiño
Doraemon ten un peto máxico

É o gato do espazo que chegou aquí

lunes, 25 de febrero de 2013

A coelliña e o moucho xa viven nas camisetas

Velaquí vos deixo o resultado final das camisetas da coelliña e do moucho. Os ollos do moucho con dous botóns dourados encántanme.
O moucho colorido

Coelliña


A coelliña de vestido de peixes
O moucho revirado