Vistas de página en total

miércoles, 17 de octubre de 2012

Camiseta con aplicacións: como se fai (parte 1)

Facer camisetas con aplicacións require seleccionar ben o deseño, as teas (é o máis importante se queres que quede bonito) e saber como se fai paso a paso.
Antes de nada temos que ter claro o deseño que imos facer. Neste caso temos dúas preciosas nenas proporcionadas por Laura (www.bragafaja.com).

Debuxos de BragaFaja

 Unha vez feitas hai que despezala pouco a pouco calcándoa sobre fiselina (unha especie de entretea que pega polas dúas partes). A fiselina ten unha parte rugosa e outra lisa, hai que calcar pola lisa.
Trátase de facer algo así coma as bonecas de papel que usabamos para cambiarlle vestidiños. O mesmo, hai que ir facendo as peciñas e deixando solapiñas cando teña que ir por debaixo.
O ideal é ir movendo o debuxo para aproveitar ao máximo a fiselina, porque é algo cara, o resto é aproveitar retallos que haxa e fío de bordar.
Unha vez debuxado, pegamos co ferro de pasar (que ten que estar quente pero sen vapor) a tea á fiselina que ten o debuxo e recortamos.
É mellor pegar á tea antes de recortar porque así desfaise menos.

Despois, recortamos todas as peciñas e montamos a boneca, tendo en conta que é o que vai por baixo e que é o que vai por riba.

Montando as peciñas

Unha vez montada, vólvese darlle co ferro de pasar, esta vez sobre a camiseta, para que quede ben pegadiño.
E unha vez pegado só hai que pespuntealo todo, o que é o máis traballoso do labor e que require moita paciencia.
O punto que se usa é o festón, que vai de abaixo a arriba (hai titoriais para aprender en centos de sitios).

Seguindo o debuxo
Seguindo o debuxo














Aquí queda máis ou menos o resultado antes de lle pasar o ferro e montalo ben (hai que ir con paciencia, simplemente). Como algunhas peciñas son pequenas, podes irte axudando dunha pinciña para ilas poñendo.


Boneca montándose

Agora xa están en fase de costura, grazas a Inma (mimablanco.blogspot.com), que é a miña profe e mais a de Rita, que aínda está na fase de pensar o que vai facer (probablemente un monstriño ou un tractor).
En canto vaia avanzando a costura, irei colgando as fotiños.
Confío en que vos animedes a empezar, queda pouco para o Nadal e é o agasallo perfecto!!!!!!
Coa carapucha posta

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Agradécese a crítica construtiva, a achega persoal, as loanzas, máis xeitos de facer, ideas novas...